Noticias

14-08-2019

Homenaxe a Ramón Souto González, último alcalde fenés da República

O Concello de Fene celebrará este venres 16 de agosto, a partir das 19 horas, un acto de homenaxe e lembranza a Ramón Souto González, o último alcalde da República en Fene, fusilado xunto a outros membros da corporación en 1936. O acto terá lugar na antiga praza da casa consistorial, hoxe bautizada co nome do ex alcalde en recoñecemento e memoria da súa figura.

No acto, aberto á participación de toda a veciñanza, tomarán a palabra o xornalista fenés Ramón Loureiro e o senador ferrolá Julio Barros Casal. O acto pecharase cunha actuación musical.

13-08-2019

O Concello de Fene executa a reforma dos vestiarios do campo de fútbol dos Pinares

O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, avanzou esta mañá que o campo de fútbol dos Pinares, en Perlío, contará cun vestiario para mulleres, aseos accesibles e uns vestiarios renovados e sen humidades. Será unha vez conclúan as obras necesarias, na actualidade en execución, cun investimento de 39.914,87 euros que o Concello financia con cargo ao superávit.

Conclúen as obras de acondicionamento do Camiño da Lameira, en Maniños

O alcalde, Gumersindo Galego, informou esta mañá da conclusión das obras de acondicionamento do Camiño da Lameira, no tramo entre Piqueiro e Vrea, na parroquia de Maniños. A actuación, segundo explicou o rexidor, contou cun orzamento de 24.767,09 euros e financiouse con cargo ao superávit municipal.


As obras contemplaron a limpeza de cunetas e a pavimentación do camiño ao longo de 403 metros, así como tarefas de sinalización.


O Concello de Fene habilita un punto de encontro na Escola Infantil Galiña Azul

O alcalde, Gumersindo Galego, informou esta mañá do remate dos traballos para dotar a Escola Infantil Galiña Azul dun Punto de Encontro que servirá de reunión dos/as usuarios/as en caso de emerxencia.


O Concello de Fene conclúe as obras de reparación da fachada do CPI A Xunqueira

O Concello de Fene vén de concluír os traballos de mantemento e reparación da fachada do CPI A Xunqueira, en San Valentín. Así o explicou o alcalde, Gumersindo Galego, para engadir que a intervención contou cun orzamento de 37.340,30 euros que se financiaron con cargo ao remanente de tesourería.

Nesta liña, o rexidor explicou que os traballos contemplaron a eliminación do material danado e a reconstrucción do recubrimento, limpeza e saneado da fachada.


Axenda

Tamén en fene.gal